Thursday 02 de May de 2024

A Casa Grande de Xanceda entrega un donativo de 1000 € á asociación Amigos da Canceira de Ordes


Cada ano a granxa destina parte do acadado coa venda de entradas ás súas instalacións a unha organización comprometida cos dereitos dos animais e cuxo labor contribúa no seu benestar

A Casa Grande de Xanceda vén de realizar un donativo de 1000 € ao comité organizativo da asociación Amigos da Canceira de Ordes. Unha cifra que irá destinada ao benestar dos cans acollidos no refuxio municipal ‘Segunda Oportunidade’
Como é habitual cada ano a Casa Grande de Xanceda fai un donativo a algunha organización que protexa os dereitos dos animais. De cada entrada estándar das visitas que recibe a granxa destínanse 0,20 € para tal fin. Coñecedores do labor e do compromiso tanto por parte do Concello de Ordes como dos traballadores e traballadoras e voluntariado, nesta ocasión foron os escollidos para facilitarlles o seu traballo en prol do benestar dos animais a través deste xesto altruísta.
A día de hoxe a asociación Amigos da Canceira de Ordes está pendente do visto e prace por parte da Xunta de Galicia, sendo este o último trámite para poder constituírse oficialmente como tal. O centro ‘Segunda Oportunidade’ ten capacidade para arredor dunha vintena de exemplares e destácase o seu compromiso coa adopción e a súa filosofía contra o sacrificio animal.
Tanto os integrantes da dita asociación como o Concello de Ordes fan público o seu agradecemento polo donativo entregado.